Saturday 18 de May de 2024

Os Museos Científicos incrementan o seu impacto nas redes sociais durante o confinamento


 

Mañá subirán un vídeo que amosa por vez primeira imaxes submarinas das focas do Aquarium Finisterrae
Desde o inicio do confinamento, as instalacións da
Casa das Ciencias, Domus e Aquarium Finisterrae permaneceron pechadas, polo
que as súas actividades presenciais tiveron que se suspenderen. Pero a divulgación
científica que identifica a estes museos continuou a través das redes sociais, que se
converteron na súa principal fiestra ao mundo. Desde estas plataformas propoñen a
diario lecturas, actividades, experimentos, vídeos sobre o coidado dos animais do
Aquarium ou observacións astronómicas sinxelas, todo para facermos desde a
casa.

Por exemplo, a conta de Twitter (@mc2coruna) multiplicou por catro a súa
actividade desde o comezo do confinamento e isto triplicou o número de
interaccións por parte do público e duplicou o ritmo de incorporación de novas e
novos seguidores. Nese período, as visitas ao perfil da institución tamén se
multiplicaron por catro.
En Facebook (@casaciencias) obsérvase un incremento de máis do 10% no número
de seguidoras/es, e algunhas publicacións concretas duplicaron o seu alcance
medio da actividade da conta, con datos de audiencia próximos ás 40.000 persoas.
Entre as publicacións con maior aceptación destacan as gravacións no tanque
grande do Nautilus, as sesións do planetario e todo o relacionado coas focas.

Nota de Prensa

Imaxes submarinas das focas
Nestas semanas as focas convertéronse nas mellores embaixadoras do Aquarium
Finisterrae. Para amosaren mellor a vida destes animais, procedentes doutros
zoolóxicos ou nacidos nas propias instalacións, o equipo de biólogas/os que as
atende gravou varios vídeos en 360o con imaxes submarinas da piscina que ocupan.
As tomas revelan aspectos do seu comportamento que non se poden apreciar
desde a superficie, como a súa grande axilidade baixo a auga. Mañá, 1 de maio,
publicarán o primeiro deses vídeos nas redes sociais dos Museos Científicos.
Sesións do planetario a domicilio
O planetario da Casa das Ciencias tamén trasladou a súa programación ás redes a
través de dúas iniciativas. Por unha parte, «O Planetario na casa» ofrece vídeos
curtos co fin de aprendermos e desfrutarmos da observación astronómica. Estas
pezas foron creadas con Stellarium, unha aplicación gratuíta e aberta que permite
recrear o ceo como se estivésemos nunha sesión do planetario. Por outra banda, as
populares sesións do último sábado de mes realízanse agora mediante un directo
en Facebook, en que o colaborador Borja Tosar ofrece a súa habitual «Postal
planetaria». A sesión complétase cunha publicación dunha guía para observarmos o
máis relevante do ceo nocturno do mes, que está dispoñible na páxina web dos
Museos Científicos (www.casaciencias.org).